Adolfo Domínguez apadriña árbores en Dodro . A firma téxtil de Ourense vai colaborar coa asociación ambiental Colectivo Remonte, de Padrón

La Voz de Galicia 03/01/10

Adolfo Domínguez apadriña árbores en Dodro

A firma téxtil de Ourense vai colaborar coa asociación ambiental Colectivo Remonte, de Padrón

Dende a súa creación no ano 2006 como resposta a vaga de lumes forestais que asolaron Galicia nos meses de xullo e agosto, a asociación ambiental Colectivo Remonte, con sede en Padrón, ten en marcha un programa-acción que leva por título Apadriña unha árbore. Como froito deste programa, a entidade ven desenrolando accións de plantación de árbores frondosas caducifolias en parcelas de monte afectadas polos incendios forestais ou en grave estado de abandono, principalmente na comarca do Sar, e grazas as aportacións económicas de madriñas e padriños que participan no programa así como do titular da parcela que se beneficia desta acción.
Fieis a esta tradición, neste Nadal e comezo do ano 2010, o Colectivo Remonte e a empresa Adolfo Domínguez S.A. fan a súa felicitación cunha árbore. Deste xeito, o «compromiso» de Adolfo Domínguez co medio ambiente materialízase este Nadal nunha nova iniciativa sostible co que agasallará aos seus máis estreitos colaboradores cunha árbore coa que participan na reforestación dos montes galegos, maltreitos polo lume.
Con esta colaboración, Adolfo Domínguez «contribúe ao proxecto integral que o Colectivo Remonte desenrola en Galicia», segundo sinalan dende a propia asociación. Ademais, este ano, coa entrada na empresa de Tiziana Domínguez como responsable do departamento de Responsabilidade Social, a empresa afianza o seu claro compromiso entre moda e ecoloxía.
Para a reforestación, o Colectivo Remonte conta cunha parcela situada no municipio de Dodro, concretamente en Lestrove, de xeito que convidará a un colexio próximo para que participe directamente nas labores de plantación. Para iso, proporcionaralle aos escolares as plantas, as ferramentas e o auxilio de persoal experimentado, que os guiará con consellos prácticos para que a plantación conte co máximo arraigo posible