Éxito da plantación de árbores en Dodro apadriñados pola empresa de moda Adolfo Dominguez


Da man da Asociación Ambiental Colectivo Remonte, os arredor de 160 alumnos do Centro Público Integrado Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro pasaron boa parte da mañá de onte en contacto coa natureza. Nunha parcela da aldea de Revixós, os escolares plantaron preto de 200 plantas de castiñeiro e carballo, que teñen un padriño de moda, a empresa galega Adolfo Domínguez. Pero o apadriñamento non se quedou so no papel, polo que a filla do deseñador ourensán asistiu a plantación e mesmo colleu a aixada na man para botarlle terra a varias árbores. Tiziana Domínguez explicou que no pasado Nadal a empresa decidiu regalar aos seus máis estreitos colaboradores unha árbore, que dende onte medra xa nunha parcela de Dodro que, ata hai dous meses, estaba chea de xestas.

Ao acto de plantación non so asistiron varios representantes do Colectivo Remonte, senón que tamén que contou coa colaboración do axente territorial para a Comarca do Sar da Consellería de Medio Rural, José Rodríguez, e os membros dun Equipo de Prevención de Incendios Forestais do Ministerio de Medioambiente. Previamente a saída a parcela, estes últimos falaron no centro educativo da prevención de lumes no monte. A charla tamén asistiu o xefe do Distrito IV Barbanza, Alberte Piñeiro.
Xa na leira, calzados con botas de goma e unha gorra na cabeza, neste caso obsequio de Adolfo Domínguez, os alumnos do CPI de Dodro, acompañados do profesorado do centro, demostraron que a aixada non lles é algo alleo polo que non dubidaron en collela para plantar as árbores e nalgúns casos ata se puxeron de manga curta debido ao esforzo, que a outros lles abriu o apetito e mesmo sacaron o bocadillo.
Todos coincidían en que a terra da parcela era moi boa polo que, dende o Colectivo Remonte, ninguén dubidou que as árbores prenderán sen problema. Así, o axente territorial animou aos escolares a volver no mes de marzo a finca para ver as medras das árbores. Dende o colexio, lembraron que os rapaces tamén fan plantacións dentro do recinto educativo polo que «aínda se lle dá ben isto de andar co sacho».
A pregunta de se estes escolares ían as leiras a traballar, todos coincidían en dicir que non salvo nalgún caso en que «me obrigan meus pais cando é de poñer ou quitar as patacas», dixo un deles. Outro rapaz recoñeceu que «meu avó si que ía a leira, se facía falta da mañá a noite». Ao final, plantaron arredor de 200 plantas de castiñeiro e carballo, especies frondosas e de folla caduca que o Colectivo Remonte quere levar a aquelas zonas arrasadas polos incendios ou en abandono.
A Asociación Ambiental Colectivo Remonte naceu no ano 2006 para poñer en marcha accións dirixidas a recuperar e reforestar as zonas queimadas pola vaga de lumes e, dende entón, xa fixo varias plantacións a través do seu programa Apadriña unha árbore que, nesta ocasión, contou co apoio da empresa ourensá Adolfo Domínguez. Pola súa banda, a firma téxtil aproveitou para afianzar o seu compromiso coa ecoloxía, tal e como lembrou onte Tiziana Domínguez. Coa plantación onte de case 200 árbores apadriñadas, o Colectivo Remonte ten a día de hoxe uns 300 padriños e madriñas e conta de seguir incrementando o número dado o fin da acción.

O Colectivo Remonte realiza o venres a plantación de 200 árbores apadriñadas por Adolfo Domínguez

A Asociación Ambiental Colectivo Remonte, con sede en Padrón, realiza o venres unha plantación de ao redor de 200 plantas de castiñeiro e carballo nun terreo do lugar de Lestrove, no municipio de Dodro. As árbores están apadriñados pola empresa Adolfo Domínguez que, o pasado Nadal, regalou aos seus máis estreitos colaboradores unha árbore que agora axudará a reforestar unha zona afectada polos graves incendios do ano 2006 ou, ben, en estado de abandono.
A actividade do venres comeza no Centro Público Integrado Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, onde persoal do Colectivo Remonte impartirá unha charla técnica sobre a posterior plantación e sobre os incendios forestais. A continuación, os 160 alumnos do colexio, con idades comprendidas entre os 5 e 14 anos, desprazaranse ata a leira elixida para a reforestación.
A asociación ambiental facilitaralles as plantas (120 de castiñeiro e 80 de carballo), así como as ferramentas necesarias para a plantación e ata bos consellos prácticos para que as plantas teñan o máximo arraigamento posible. Está previsto que asista algún representante da empresa Adolfo Domínguez, posiblemente a filla do deseñador. Con esta iniciativa, a firma afianza «ou seu claro compromiso entre moda e ecoloxía».
O Colectivo Remonte naceu por mor dos incendios de 2006. Ten en marcha un programa que leva por título Apadriña un árbore, para reforestar con especies frondosas autóctonas zonas afectadas polos lumes.

Fonte La Voz de Galicia (Mércores 27 Xaneiro 2010)