Palabras na PAISAXE : Dous ferrados de eucaliptos
Autor:Agustín Agra Barreiro
Publicado en "La voz de Galicia" con data 28/11/2008
Transcorrían os amansados anos corenta do pasado século cando o señor Manolo tomaba a decisión de plantar no herdo do seu pai, deixándose levar polos ventos que traía a nova política forestal, unha leira de dous ferrados de eucaliptos. Non había especie que medrase máis rápido e dese tanta madeira aproveitábel, lle dixeran; e, xa que logo, a ningunha outra plantación lle podería tirar máis rendemento.
Quince anos despois, a comezos dos xa remexidos sesenta, achegouse machado en man ao seu cultivo, cortou aquelas árbores rectilíneas e esveltas, e aínda lle sacou un bo quiñón a aquela ceifa. Era certo o que falaran, ningunha outra árbore lle tería rendido beneficios de xeito tan rápido. Deixou a abrollar no monte os rebentos novos e dispúxose a agardar, cobizando que moi logo lle desen unha nova colleita.
Vinte anos despois, a comezos dos revoltos oitenta, plantouse no eido serrón en man, arramplou outra volta co que medrara na súa propiedade, gardou o produto da venda na cartilla da caixa de aforros, e comezou a esperar paciente pola terceira anada.
Dez anos despois, contento de que, até o de entón, librara de que lle puxesen lume e de que ningunha pista fendera a súa facenda, acercouse co neto a inspeccionar como avanzaba o engorde dos seus cartos, disposto a calcular canto tempo habería de tardar en botar man da motoserra. Alí atopou, desalentado, como, o que el agardaba que fosen uns espécimes vizosos e ergueitos, non eran máis que uns latóns famélicos, tan raquíticos que non servirían nin para a vara do rastro dos berberechos.
Non agardaba que el puidese entender ren da explicación que lle podería dar, nin de ciclos bioxeoquímicos, nin do papel dos organismos descompoñedores nas pirámides tróficas, menos aínda do papel que desempeñan nas dinámicas de renovación da materia. Nada lle dixen. Mais os sopesados argumentos que busquei para que comprendese o que acontecera nada puideron facer. Inútil foi intentar aclararlle que sementara uns vexetais voraces que acidificaban e secaban o solo; que o motivo dos seus males era que o alimento da terra, os nutrientes que gardaba, estaban a esgotarse; que as sucesivas xeracións foran absorbendo polas raíces os imprescindíbeis sales minerais levándoos, ao tallalos, con eles; e que agora aqueles bechos eran incapaces de medrar, faltos dalgún elemento esencial para a súa subsistencia. Inútil, si.
Non houbo quen o desmontase da súa teoría, nin os da forestal nin un seu amigo e compañeiro de taberna, perito agrícola de profesión.
El continuou teimudo, porfiando o moi testán, en que os culpábeis de que os dous ferrados da súa finca se estivesen a converter nun ermo eran, sen dúbida, os fumes dos coches que transitaban pola estrada que abriran ao seu carón. El tíñao claro; envelenáranlle o terreo.
Dous ferrados de eucaliptos
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario