Con data 27 de Xaneiro de 2012 , a Consellaría de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia , publica no Diario Oficial de Galicia anuncio polo que se acorda someter a información pública o borrador do anteproxecto da Lei de caza de Galicia.
Dende o Colectivo Remonte (www.montegalego.org) queremos denunciar os contidos do borrador do anteproxecto da Lei , en tanto que se limitan e usurpan os direitos dunha figura clave no sistema forestal galego como é a dos montes veciñais en man común , montes que na totalidade do país ocupan unha extensión de 700.000 has , e que teñen tamén unha importancia vital na Bisbarra do Sar onde existen mais de 50 comunidades dende tempos inmemoriais.
Unha das figuras claves da lei de caza actual e tamén do anteproxecto da vindeira lei , é a figura dos terreos cinexeticamente ordeados (de agora en diante TECOR ), terreos estos que polas suas características para a caza precisan cáseque obligatoriamente a declaración dos mesmos sobre os montes veciñais en man común dos viciños comuneiros . O borrador da Lei propón que as cesións dos terreos por parte dos seus reais titulares á sociedade de caza para a constitución dun TECOR se faga por un periodo de 10 a 25 anos , e de que se non existe denuncia das partes , se prorrogue por tempo indefinido . Tomando en consideración que , segundo o borrador , o cazador adquire as propiedades das pezas de caza mediante ocupación , consideramos que non se respeita a lexislación de montes veciñais en man común en tanto que esta lexislación é clara no tocante a que os aproveitamentos dos montes , e a caza e un tipo de aproveitamento , correspóndenlle ás comunidades veciñais correspondentes . O fondo do asunto é unha clara usurpación dun direito básico da viciñanza comuneira sobre os produtos dos seus montes
Por outra parte , para a constitución e legalización dun TECOR indica que as sociedades de caza deben apresentar un plano de aproveitamento cinexético aprobado pola Consellaría correspondente do ramo ; nada se menciona que estes pláns teñan que conter o visto bo dos titulares das terras , nen que teñan que adaptarse aos Planos de Ordenación dos montes sobre os que se asenten , e dicir , contémplase un aproveitamento cinexético por riba de calquer outros aproveitamento do monte . Non fai falla mais que pasear polos montes da bisbarra do Sar para ollar a cantidade de biotopos que se crearon por parte das sociedades de caza , co fin da cria en condicións de semiliberdade de coellos destinados á práctica , e , ao mesmo tempo , os danos nas recentes plantacións de arborado posteriores aos lumes do ano 2006 , e que se fixeron previamente á existenza dos biotopos artificiais ; tamén poderíamos citar as sementeiras de gramíneas en áreas desaconselladas para tal uso , os desbroces feitos sen criterios silvícolas e contemplados unicamente como áreas de tiro . . .
Segundo isto , compre preguntarse se a Consellaría do Medio Rural (nese momento responsábel das competencias en caza) tivo algo que ver na redacción deste borrador , ou ben se foi encargado directamente , como asi aparenta , ás sociedades de caza .
O Colectivo Remonte anima ás comunidades de montes veciñais en man común a que fagan valer os dereitos sobre os seus terreos e que lle expoñan á Consellaria correspondente algunhas ideas para mellorar a xestión dos montes no correspondente ao anteproxecto da Lei de caza . Así :
1.-O consentimento pleno da comunidade de montes para o aproveitamento cinexético nas suas propiedades, e para un prazo máximo de 5 anos renovabél obrigatoriamente por consentimento da Xunta reitora da comunidade de montes existente nese momento , logo de ser solicitado pola sociedade de caza correspondente .
2.- As comunidades de montes deben ser beneficiadas pola cesión desos dereitos cinexéticos , ben monetariamente ou ben mediante a autoría de traballos silvícolas no monte que compense a contraprestación pola utilización cinexética.
3.- Os plans cinexéticos , para lograr a sua aprobación , deben contar co visto e prace da Xunta reitora da comunidade de montes afectada , e asimesmo adaptarse aos plans de ordenación e de xestión do monte , co visto bo da administración forestal naqueles montes xestionados directamente pola Xunta de Galicia .
4.- Nos órganos consultivos (Comite galego de caza e comités provinciais) deberán estar representadas as comunidades de montes veciñais en man común e asociacións ambientais de defensa , mentres que no borrador só fai referencia aos órganos da administración pública e ás sociedades de caza .
A Asociación ambiental Colectivo Remonte critica abertamente que o borrador do anteproxecto da Lei de Caza non teña en conta ás comunidades de montes
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario